21 de novembro de 2017

Restringido   Contacto  Engador a Favoritos

Inicio

AGRUPACIÓN SOCIALISTA DE SADA

 


Home / Comunicación / Concelleiros / 11-feb-09 A Concellería de Xuventude lan

Concelleiros

11-feb-09 A Concellería de Xuventude lanza a súa oferta de actividades para os meses de marzo e abril

Con motivo da celebración do Entroido, a Concellería de Xuventude oferta actividades de vela, windsurf e canoa para menores de entre 5 e 11 anos. O programa ‘Primavera Xove’ inclúe actividades de ocio para diferentes tramos de idade entre as que destaca unha viaxe dunha semana a Candanchú (no Pirineo aragonés) entre os días 15 e 20 de marzo

 

A Concellería de Xuventude, responsabilidade da socialista Raquel Bolaño, ven de lanzar o seu programa ‘Primavera Xove’, que inclúe unha variada oferta de ocio especialmente deseñada para menores e adolescentes, aínda que tamén hai actividades para todos os públicos. Haberá excursións, campamentos, unha festa para a mocidade e actividades náuticas. No pdf que se adxunta figura o prezo de cada actividade, o tramo de idade ao que vai dirixido, as prazas ofertadas e os correspondentes prazos de inscrición. En todos os casos, as persoas interesadas deben contactar coa Oficina da Xuventude (981 620 331).

 

                 A primeira actividade ofertada vai dirixida a menores de entre 5 e 11 anos e celebrarase os días 23, 24 e 25 de febreiro -coincidindo coa celebración do Entroido- no Club Náutico. Baixo o título ‘Bautismo de mar’, a Concellería de Xuventude organiza clases de vela, windsurf e canoa en dous horarios (de 10:00 a 14:00 horas e de 15:30 a 19:30). O número de prazas en cada unha das quendas é de 35 e o prezo para os tres días é de 28 euros. O prazo de inscrición manterase aberto ata o 16 de febreiro inclusive.

 

                 Esta mesma actividade ofertarase entre os días 6 e 10 de abril para os e as adolescentes de 12 a 17 anos. O prezo para os cinco días é de 41 euros e as inscricións poderán formalizarse ata o día 31 de marzo inclusive. Neste caso, como no anterior, precísase un mínimo de 10 prazas cubertas en cada horario para que a actividade se celebre. Ao remate de todas as actividades náuticas entregaranse diplomas e medallas aos/ás participantes.

 

                 O programa ‘Primavera Xove’ ofrece tamén variadas opcións de ocio durante as vacacións de Semana Santa. Entre os días 5, 6, 7 e 8 de abril celebraranse un total de tres campamentos no Albergue Xuvenil de Gandarío. En todos os casos, o prazo de inscrición manterase aberto ata o 2 de abril, inclusive. O primeiro día estará destinado aos menores nados nos anos 2003 e 2004. A incorporación (sempre por conta dos participantes) terá lugar o día 5 ás 18:00 horas e a saída ás 15:00 horas do día seguinte. O número de prazas que se ofertan é de 15 e o custo, 16,50 euros por menor.

 

                 O segundo día (o 6 de abril) poderán participar nesta actividade os menores nados entre o 2000 e o 2002. Como no caso anterior, a incorporación será ás 18:00 horas do día 6 e a saída ás 15:30 h do día seguinte. As prazas ofertadas son 25 (precísase un mínimo de 10 participantes) e o custo 16,50 €. A última quenda do campamento vai dirixida a rapaces e rapazas nados/as entre os anos 1997 e 1999. Hai 25 prazas e o prezo é igual: 16,50 €.

 

                 Pero unha das actividades estrela da programación deseñada pola Concellería de Educación para a primavera é unha viaxe a Candanchú (no Pirineo aragonés) entre os días 15 e 20 de marzo. Vai dirixida a todo tipo de público a partires de 10 anos e terá un custo de 310 euros. Este prezo inclúe a viaxe de ida e volta en avión, aloxamento en réxime de pensión completa en Jaca, aluguer de material para esquiar, forfait de luns a venres, dúas horas diarias de clases de esquí e seguro de viaxe. Ofértanse 25 prazas e a data límite para inscribirse é o 5 de marzo, inclusive. Ao igual que nos casos anteriores, si a demanda superase a oferta de prazas, éstas outorgarianse por rigurosa orde de inscrición.

 

                 A Concellería de Xuventude oferta, así mesmo, dous roteiros medioambientais. O primeiro celebrarase o 18 abril e percorrerá o roteiro Mariñán-Costa Doce, de 9,5 quilómetros. Vai dirixido a todo tipo de público, custará 2 euros, deberá haber un mínimo de 15 participantes e a saída terá lugar ás 11:00 horas da Praza Irmáns Suárez Picallo. O prazo de inscrición remata o 15 de abril, inclusive.

 

                 O 25 de abril organizarase o percorrido do roteiro ‘Laxe Punta Ínsua’, de 5,2 quilómetros. O prezo por participar nesta actividade será de 5 euros e incluirá a viaxe de ida e volta ata Laxe, con saída programada para as 10:00 horas diante do Concello. O prazo de inscrición nesta actividade manterase aberto ata o 22 de abril, inclusive. Ao igual que no caso anterior, a actividade está aberta ao público en xeral e os participantes deberán levar o xantar.

 

                 A oferta de ocio deseñada por Xuventude para a primavera inclúe tamén unha festa dirixida a adolescentes de entre 13 e 17 anos que se celebrará o día 13 de marzo (venres) no Polideportivo Municipal. O número mínimo de prazas é de 25 e o máximo de 100. O programa desta noite de festa inclúe malabares, percusión, globoflexia, zancos e música hip hop entre as 22.00 e as 00.00 horas e música de DJ entre a medianoite e as 02.00 da madrugada. O prezo desta actividade é de 3 euros por persoa e o prazo de inscrición manterase aberto ata o propio día 13 de marzo, inclusive.

 

 

 

 

 

Visitas: 25.077

PSdeG-PSOE , Rúa Sada de Area, 34 – Ent. 15160 Sada (A Coruña) Tfno.: 981622862
E-mail: sada@psdeg-psoe.org
Configuración óptima 1024*768 / IE, Nestcape 4.0 ó superiores y Opera