21 de novembro de 2017

Restringido   Contacto  Engador a Favoritos

Inicio

AGRUPACIÓN SOCIALISTA DE SADA

 


Home / Comunicación / Concelleiros / 27-dic-2008 A Concellería de Xuventude o

Concelleiros

27-dic-2008 A Concellería de Xuventude oferta diferentes actividades formativas para adultos en 2009

As inscricións para os diferentes cursos (monitores de actividades de ocio e tempo libre, novas tecnoloxías, mellora do coñecento...) deberán realizarse na Oficina da Xuventude

 

A Concellería de Educación e Xuventude, responsabilidade da socialista Raquel Bolaño, ofertará durante o vindeiro ano 2009 actividades formativas para adultos. As persoas interesadas en informarse sobre os diferentes cursos –hainos gratuitos e de diferente custo e duración- deben remitirse á Oficina da Xuventude (981 620 331). As inscricións deben realizarse tamén nesta dependencia municipal.

 

O ‘Curso de novas tecnoloxías, iniciación a Office’ será o primeiro en comezar o día 7 de xaneiro. Consta de 30 horas e dividirase en catro módulos. As inscricións serán gratuítas e haberá 8 prazas en cada un dos dous cursos que se ofertarán (o mesmo desdobrado). Vai destinado a persoas maiores de 16 anos e desenvolverase na Aula de Informática da Oficina da Xuventude en horario de 19.00 a 21.00 horas de luns a venres entre os días 7 e 27 de xaneiro (primeira quenda) e 2 e 20 de febreiro (segunda quenda).

 

                 Pola súa banda, o ‘Curso de monitores/as de actividades de ocio e tempo libre’, desenvolverase durante os meses de xaneiro (10, 17, 24 e 31); febreiro (7, 14, 21, 23, 24 e 28); marzo (7, 14, 21 e 28) e abril (4, 9, 10, 11, 18 e 25) en datas que se corresponden con sábados e días festivos e en horario de 09.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas. Este curso celebrarase na aula de actividades da Oficina da Xuventude, terá un custe de 120 euros, unha duración de 200 horas e hai disponibles 25 prazas.

 

                 O Concello de Sada colabora nesta actividade, que será impartida pola Escola de Tempo Libre Aldebarán. Os únicos requisitos para poder inscribirse son ter máis de 18 anos e graduado en ESO, FP I, Ciclo Medio FP ou titulacións equivalentes.

 

                 A Concellería de Xuventude, así mesmo, ofrece un ‘Curso de Mellora do Coñecemento’ destinado a persoas maiores de 18 anos que se desenvolverá todos os sábados de xaneiro a xuño en horario de 11.00 a 14.00 horas na Casa da Cultura Pintor Lloréns. Esta actividade vai dirixida á xente que desexe ampliar os seus coñecementos xerais ou ben retomar os estudos, con posibilidade de preparar o exame para obter o graduado en ESO, as probas de acceso aos ciclos de FP ou ata a entrada na Universidade para maiores de 25 anos. O número de prazas ofertadas é 12 e o prezo por asistir á actividade formativa será de 9 euros ao mes.

 

                 Por último, o Concello informa de que tamén está aberto o prazo de inscrición para os catro niveis dos curso de galego (Celgas) e para os cursos formativos a distancia Aula Mentor, que ofrece máis de 100 actividades en liña con matrícula permanente todo o ano agás no mes de agosto. Para máis información, consultar o díptico. En Sada existe unha Aula Mentor, na que as persoas interesadas en participar nalgún dos cursos que se ofertan poderán recibir información e formalizar as matrículas.

 

 

 

 

 

 

 

Visitas: 25.077

PSdeG-PSOE , Rúa Sada de Area, 34 – Ent. 15160 Sada (A Coruña) Tfno.: 981622862
E-mail: sada@psdeg-psoe.org
Configuración óptima 1024*768 / IE, Nestcape 4.0 ó superiores y Opera